Skip to main content

Convocatoria ESTALMAT-Galicia 2015

A Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, en colaboración coa Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, presenta a Convocatoria 2015 do Proxecto “ESTALMAT- Galicia” para a detección e estímulo do talento en Matemáticas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, integrado no Proxecto ESTALMAT-España, conta co apoio económico da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da FECYT e das Deputacións da Coruña e Lugo.

Obxectivo: Fomentar a afección e a habilidade especial en Matemáticas en nenos e nenas de Galicia, nacidos en 2002 ou 2003.

Proceso de selección:Constará de dúas fases:

  1. Proba de aptitude. Terá lugar o sábado 6 de xuño, ás 10 horas, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Consistirá na resolución dunha colección de problemas.
  2. Entrevista persoal. Unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista cos 25 nenos e nenas preseleccionados na proba de aptitude e cos seus pais ou titores, que previamente serán avisados persoalmente, encamiñadas a avaliar o interese e o grao de compromiso co proxecto.

A lista definitiva dos estudantes seleccionados farase pública na páxina web do proxecto: http://www.estalmatgalicia.com

Programa de Actividades: Ao longo dos cursos académicos 2015-16 e 2016-17 desenvolveranse as seguintes actividades formativas cos estudantes seleccionados:

  1. Campamento matemático ao comezo do curso 2015-16.
  2. Sesións de formación matemática: tres horas á semana durante as mañás dos sábados (20 sesións). Impartiranse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. As clases non queren adiantar contidos matemáticos do seu currículo escolar, senón, pola contra, desenvolver aspectos que habitualmente quedan fóra das actuais programacións de matemáticas de secundaria e que se consideran unha parte esencial da actividade matemática máis xenuína.
  3. Con carácter voluntario os alumnos poden continuar no ano 2017-18 nas actividades de Estalmat Pi ou 3º curso (12 sesións anuais).

Desprazamento: Os pais e nais dos estudantes seleccionados deberán adquirir o compromiso de levalos e recollelos ao lugar onde se realicen as clases e actividades que, agás excepcións, é na Facultade de Matemáticas en Santiago.

Inscrición: É necesario cumprimentar o formulario ao que se accede no enlace que aparece ao inicio desta páxina, antes das 24 horas do 30 de maio de 2015. No lugar correspondente, opcionalmente,  pode incluírse o nome dun profesor ou profesora que avale o interese e aptitude do estudante polas matemáticas.

Proxecto ESTALMAT-GALICIA - Facultade de Matemáticas - Universidade de Santiago de Compostela
Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n - 15782 Santiago de Compostela - Tel. 881.813.188 – 881.813.219 – Fax. 881.813.197 
Correo electrónico:Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. - http://www.estalmatgalicia.com